Ineo fai entrega dos diplomas do seu curso de dirección de empresas TIC

xoves, 28 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

A asociación empresarial galega Ineo vén de facer entrega dos diplomas para os directivos e mandos intermedios da entidade que participaron na segunda convocatoria do Curso Avanzado en Dirección de Empresas TIC celebrado en Vigo e máis na Coruña e impartido pola Escola de Negocios de Caixanova. O evento en cuestión, celebrado esta mesma mañá na segunda das cidades, contou coa colaboración da dita entidade financeira e as confederacións de empresarios da Coruña e Pontevedra, entes comprometidos co desenvolvemento do curso dende a orixe do mesmo. Segundo informa Ineo nun comunicado, o acto de entrega de acreditacións contou coa presenza de Jorge Cebreiros, presidente da entidade, Eduardo García, director da escola do ente financeiro galego, e José Ardavín, vicepresidente da Confederación de Empresarios da Coruña.
Para Ineo, a celebración da segunda edición do curso que hoxe remata de xeito oficial constitúe unha proba máis do esforzo continuo das empresas galegas ligadas ás novas tecnoloxías na mellora das súas capacidades e no medre dos seus niveis de produtividade no vieiro de competir nun mercado cada vez máis esixente. “Trátase de non deixar nunca de formarse e de interesarse por todo o que supoña unha mellora da experiencia do persoal”, comentou o presidente da asociación. Sinalar que tanto Caixanova como as confederacións empresariais galegas son entes colaboradores de Ineo con representación no Consello Consultivo e que participan colaborando en varios dos proxectos que desenvolve nos eidos de mercado, cooperación e innovación.

PUBLICIDADE