Inaugurado o centro GaiásTech da Xunta cunha xornada de Intelixencia Artificial

xoves, 24 de xuño do 2021 Pedro Pérez

A oportunidade que ten Galicia de especializarse en Intelixencia Artificial foi un dos argumentos da xornada coa que se inaugurou este 23 de xuño a actividade no centro GaiásTech da Xunta, situado na Cidade da Cultura.
A xornada técnica inaugural, baixo o título Impulsando a dixitalización de Galicia, acolleu dúas mesas de debate sobre Intelixencia Artificial e sobre a estrutura de colaboración público privada reflectida nos nodos tecnolóxicos de Galicia.
Na primeira sesión, a coordinadora do grupo Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artifical (LIDIA) da UDC, Amparo Alonso, e o director do Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS), Senén Barro, participaron nunha mesa de debate coa directora do entorno de Saúde do Instituto de enxeñaría do Coñecemento, Elisa Martín, sobre a oportunidade de que Galicia avance na especialización en Intelixencia Artificial.
O centro GaiásTech actuará como un espazo para a demostración e experimentación en tecnoloxías avanzadas e de concentración do coñecemento ao servizo da transformación dixital das empresas, das administración e da sociedade galega.
O novo centro ofrecerá servizos como o GaiasTechCloud, para a realización de probas de software na nube, demostracións de solución tecnolóxicas, reservas de espazos ou o desenvolvemento de xornadas temáticas. Incorporará tamén un servizo de vixilancia tecnolóxica para a identificación de tendencias dixitais. Funcionará, así mesmo, como un centro de asesoramento que porá á disposición de industria e do coñecemento espazos para a experimentación con equipos de realidades virtuais e aumentada.
O inicio da actividade do GaiásTech coincide coa posta en marcha por parte da Xunta de dúas plataformas na web que reflicten a transformación dixital da sociedade galega, e ofrece información sobre as utilidades prácticas e solucións que proporciona este proceso. As plataformas son gaiastech.xuntal.gal, que centra os seus contidos no impulso do ecosistema galego, e dixiterrae.xunta.gal, que ofrece á cidadanía información sobre o proceso de transformación dixital.

PUBLICIDADE