Inaugurado en Compostela o edificio Emprendia da USC

mércores, 4 de novembro do 2009 Raquel Noya

A ministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia, asistiu este martes, 3 de novembro, á inauguración oficial do Edificio Emprendia, emprazado no campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela, un centro de intercambio intensivo en investigación e innovación que acolle baixo o mesmo teito á universidade e á empresa.
No acto inaugural, que contou entre outros co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e co reitor da USC, Senén Barro, descubriuse unha placa conmemorativa na entrada principal do edificio para, posteriormente, facer unha visita por este centro que, entre outras moitas funcións, pretende dar acollida a empresas en fase de despegue baseadas no coñecemento e o desenvolvemento tecnolóxico, así como a spin-off de grupos da USC que precisan dun empurrón para sair adiante.
Ao evento asistiu tamén o presidente de Banco Santander, Emilio Botín, que acudía a Santiago para asinar un convenio coa institución docente. Banco Santander, que xa apoia numerosas actividades da USC, farao tamén co funcionamento deste edificio, impulsando novos proxectos e facilitando fondos para destinalos a unha maior integración e uso das TIC no ámbito docente e na administración electrónica..
Localizado nunha área privilexiada a carón do Complexo Hospitalario Universitario e nun entorno científico que integra un abano de centros de investigación que albergan a máis de 800 especialistas, o edificio Emprendia é clave na USC para cumprir coa súa misión de trasladar á sociedade os seus resultados de investigación fomentando a innovación e o emprendemento.
Emprendia forma parte de Campus Vida, iniciativa da USC recoñecida como Campus de Excelencia Internacional que mellorará a competitividade do ecosistema galego de innovación para proxectalo no seu entorno. Campus Vida, segundo afirman os seus responsables, “aposta polas ciencias e tecnoloxías da vida, a transmisión e transferencia do coñecemento e o desenvolvemento tecnolóxico e a calidade de vida de quen alí traballe, estude ou simplemente o visite”.

PUBLICIDADE