Inauguradas con éxito as xornadas sobre administración electrónica e protección de datos do CPEIG

martes, 2 de novembro do 2010 Redacción

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan José Casares Long, inaugurou esta mañá na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC as xornadas Empresa-Protección de Datos-Administración Electrónica, organizadas polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Durante tres días, diversos especialistas afondarán na Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal (LOPD) nun diálogo enfocado cunha dobre perspectiva: por unha banda, a mellora da compresión e cumprimento da LOPD e, por outra, a concienciación de todos os sectores e grupos sociais, en especial o público máis novo, da necesidade de protección dos datos persoais, xa que representan «un ben de enorme valor», en opinión do presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
Na súa alocución, o reitor fixo fincapé na auxe do comercio electrónico e destacou o papel do Grupo Inditex neste sentido. Pola súa banda, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, destacou cinco razóns para adaptarse á lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal: a primeira, cumprir coa lexislación vixente; a segunda, evitar sancións da Agencia Española de Protección de Datos (AEPD); a terceira, evitar o deterioro da imaxe pública; en cuarto lugar, «xestionar dun xeito moderno a información na empresa» e, por último, mellorar a xestión da calidade.
Unhas 150 persoas inscritas nas xornadas aprenderán ou actualizarán os seus coñecementos arredor da lexislación sobre protección de datos, propiedade intelectual e comercio electrónico, entre outros aspectos.
Na inauguración do encontro tamén interviron a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, Emilia Vázquez Rozas; o subdirector xeral de Calidade, Interoperabilidade e Seguridade da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta, Jaime Barros Leboreiro; e o secretario do Centro de Estudos Cooperativos (CECOOP) da USC, Rafael Millán Calenti. Na organización do encontro colaboran a Xunta de Galicia, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e o Centro de Estudos Cooperativos da mesma universidade.
Jaime Barros adiantou que a Xunta está a desenvolver un plan para mellorar a seguridade dos sistemas informáticos na Administración Pública e incidiu na importancia de que o desenvolvemento das novas tecnoloxías tanto a nivel empresarial como da administración pública vaia acompañado dunha clara preocupación pola seguridade como factor decisivo na implantación da administración electrónica e da sociedade da información.
O subdirector de Calidade dixo concretamente que «a posta en marcha do Plan de Seguridade da Información recoñece a importancia que ten a seguridade da información sobre a confianza que os cidadáns depositan na administración».
Segundo informan dende a organización das xornadas, «é preciso crear e transmitirlle confianza aos usuarios das novas tecnoloxías para que cedan os seus datos de carácter persoal e que estes vaian seguros e protexidos polas redes de ordenadores. O éxito do verdadeiro despegue do comercio electrónico e das relacións informáticas coa Administración dependerá da seguridade ofrecida para que a cidadanía os empreguen».

PROGRAMA DO DÍA 3 DE NOVEMBRO

09.00 h. Intimidade persoal e familiar no contorno da Administración
Manuel Pillado Quintás
Letrado da Xunta de Galicia

10.30 h. Datos protexibles e administración electrónica
Rafael A. Millán Calenti.
Letrado da Xunta e profesor de Dereito da Empresa da USC

12.30 h. Procedemento sancionador
Jesús Rubí Navarrete
Adxunto ao director da Agencia Española de Protección de Datos

16.30 h. Videovixilancia e datos persoais
Mar del Peso Ruíz
Consultora Senior en Videovixilancia e datos persoais e especialista en Protección de Datos

18.00 h. Mesa redonda Consentemento, información, intimidade e protección de datos
Manuel Botana Agra, catedrático de Dereito Mercantil. Director do CECOOP da USC
Jesús Rodríguez Castro, xefe de Informática do Concello de Santiago
Mar del Peso Ruíz, consultora senior en Videovixilancia e datos persoais e especialista en protección de datos
Moderador: Fernando Suárez Lorenzo, presidente do CPEIG

PUBLICIDADE