Improving Metrics recolle 32 quilogramos de lixo no río Trabe de Vilaboa

luns, 18 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

A empresa galega Improving Metrics é unha das participantes no Proxecto Libera, 1m² pola Natureza, a campaña nacional liderada por Ecoembes e SEO/Birdlife para combater a proliferación do lixo no medio natural. En base á súa adhesión á campaña, a firma tecnolóxica da Coruña realizou este sábado unha recollida de refugallos no río Trabe de Vilaboa, na que participou o equipo profesional da empresa. Na actividade, que serviu para apañar 32 quilogramos de residuos (principalmente plásticos e cabichas), Improving Metrics botou man da súa ampla experiencia en ferramentas de recollida e análise de información e Intelixencia Artificial.
Máis en detalle, localizáronse e extraéronse 675 fragmentos de residuos, entre eles 391 pezas de plásticos e 101 cabichas, ademais dun palé e 19 obxectos téxtiles. En total, liberaron 32,7kg da natureza.
Máis polo miúdo aínda, da totalidade deste peso, o equipo de Improving Metrics contabilizou 675 fragmentos de residuos, dos que 391 eran plásticos, 44 papel e cartón, 3 pezas de madeira, entre elas un palé, 36 de metal, 6 de vidro, 4 de aparellos eléctricos, 3 residuos hixiénicos e 188 clasificados como outros. Entre este último grupo atópanse 101 cabichas, 58 pezas de cerámica e 19 de pezas téxtiles.
Para contabilizar o lixo a empresa empregou unha aplicación móbil na que os usuarios foron introducindo os datos dos materiais que se ían atopando, para elaborar un mapa nacional que xa forma parte dos recursos do Ministerio de Medio Ambiente
A actividade tecnolóxico-ambiental de Improving Metrics engádese ás máis de 160 accións de activismo que se levan a cabo estes días en diversos puntos de España.
O Proxecto Libera: Natureza sen Lixo nace en 2017 para frear o problema da basuraleza, lixo en espazos naturais, polo que Ecoembes e SEO Birdlife puxeron en marcha a iniciativa 1m² pola Natureza, un encontro anual para recoller residuos de contornas naturais, que ten lugar do 9 ao 17 de marzo. A campaña céntrase en ríos, encoros e pantanos.

PUBLICIDADE