Imperdível: tenda en liña para favorecer o coñecemento da lusofonía

xoves, 8 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

A Associaçom Galega da Língua (AGAL) presentou esta semana a súa nova proposta en liña, unha loxa dixital para a distribución de todo tipo de produtos culturais ligados á cultura común galego-portuguesa e ao que no eido internacional (abranguendo tódolos territorios onde se fala galego-portugués) se coñece como lusofonía. O portal, de nome Imperdível, vai dirixido a cubrir certos ocos de transmisión cultural que existen sobre o moito que se comparte na lusofonía, ocos que non só se reflicten na certa dificultade para acadar material bibliográfico portugués dende esta beira do río Miño (e viceversa) senón tamén en acontecementos sociais como o que se está a rexistrar en Valença do Minho, onde unha parte da poboación semella querer irmandarse cos galegos a través da bandeira e da cultura española, pasando por alto os elementos comúns.
Segundo reflicte a CiberIrmandade facéndose eco desta achega en liña, detrás da web de AGAL atópase unha equipa integrada por un amplo número de xente “dedicada a manter o sítio tanto no que se refere aos aspectos técnicos como aos de produçom e logística”. A idea, como dixemos, é a de favorecer a achega de produtos relacionados co reintegracionismo, produtos que “normalmente son de difícil localizaçom ou compra em certos âmbitos, ou bem que por circunstâncias de infra-estrutura a sua adquisiçom é muito difícil”, informan os responsables da páxina.

PUBLICIDADE