Imaxin presenta en Euskadi o seu xogo interactivo en tres linguas: Zooloco

venres, 9 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Culturgal acudiu a Durango en representación da nosa cultura, convidada á esta nova edición da feira do libro vasco

Entre as cousas culturais e tecnolóxicas de fabricación propia que presentamos os días pasados en Euskadi, na Feira do Libro e o Disco Vasco celebrada en Durango, figurou unha que nos colle de preto en Código Cero pola súa natureza dixital e de coñecemento. Falamos de Zooloco, proposta multimedia e interactiva que vén da empresa compostelá Imaxin e máis da vasca Elhuyar Fundazioa de Usurbil (Gipuzkoa) e que se dirixe a facilitarlles ás nenas e nenos de entre 3 e 6 anos a primeira toma de contacto coas novas ferramentas tecnolóxicas.
O multimedia, que foi presentado o día 7 no stand propio de Culturgal (feira galega que acudiu en representación da nosa cultura, convidada ao evento de Durango), achégase tamén baixo o nome de Zoo Zoroa (en euskera), o que dá unha clave dos seus obxectivos, a maiores de axudar á introdución nas TIC: promover o emprego do galego e o euskera entre os internautas e innovadores do futuro.
Asemade, tamén se ofrece en inglés, segundo informou Imaxin. A presentación combinouse cun obradoiro lúdico que contou con persoal especializado, no que se convidou a nenos, nais e pais a que probasen o xogo dixital nos seus distintos idiomas. O multimedia, informa Imaxin, estrutúrase como unha aventura gráfica cunha serie de personaxes (Komoko, Van e Bem) que levan ao usuario a un mundo fantástico habitado por animais, chamado Zooloco. Para completar a aventura terán que responder preguntas, superar retos, coñecer e axudar a tódolos seus habitantes.
Amais de Imaxin, na feira de Durango tamén participaron a viguesa Sinsalaudio (falando dos novos soportes de música xunto a creadores vascos), o grupo Acróbata (con Ugía Pedreira e Fred Martins e, como convidado, Mikel Urdangarín), Artur Trillo (de Talía Teatro), Mr Misto (que presentou a Caixiña de Mistos, a caravana de filmes infantís), Gálix (que lles amosou aos rapaces como soan os mesmos contos en galego e en euskera) e máis Sergio Lago e Xulio Amigo, director e presidente de Culturgal, que fixeron fincapé no gran poder de convocatoria da feira vasca (unhas 100.000 persoas cada ano) e no importante que é esta ligazón de irmandade coa cultura propia de Euskalerría. “Para Culturgal”, sinalaron, “é unha aspiración de futuro poder contar cun público tan fiel e que apoia as creacións no seu propio idioma mercando os seus produtos”. E engadiron: “Para nós foi moi positivo poder estar aquí, ver como se traballa e percibir o entusiasmo con que a sociedade vasca acude a este encontro cultural, ademais de que por suposto esta feira é un gran escaparate para as empresas galegas”.
Os vinte profesionais galegos que asistiron á Durango Azoka aproveitaron tamén para ter contactos con editoriais e produtores de Euskalerría, coa intención de crear sinerxías e poder aprender de todo o bo que se fai por estas terras para promover a cultura propia.

PUBLICIDADE