Imatia presenta en Vigo un software para a xestión en tempo real do cultivo de peixes

xoves, 17 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Case por forza, a celebración dunha feira marítima ligada á innovación como a World Fishing Exhibition celebrada en Vigo (IFEVI) tiña que dar como resultado unha listaxe salientable de software posto en circulación. E así é. O feito, de por si destacable, ten aínda un pulo mellor: unha boa parte das ferramentas presentadas teñen o seu xermolo na nosa terra. Como por exemplo as achegas da Universidade de Vigo, quen participa arreo no evento (dando a coñecer recursos, favorecendo a comunicación entre o campus e as empresas) a través da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. Entre o que máis interese espertou estes días nos asistentes situouse o software Elastic Aqua Business, programa para a xestión de procesos produtivos do cultivo de peixes desenvolvido de xeito conxunto polo Equipo de Deseño e Automatización de Compoñentes Avanzados da Universidade de Vigo e a empresa Imatia, posta en marcha ao acubillo da institución.
O programa informático, que contou para o seu desenvolvemento coa dirección do profesor Fernando Vázquez, foi dado a coñecer como “unha solución vertical, sinxela e versátil para o sector da acuicultura especializado na xestión de procesos produtivos que se encamiñen ao cultivo de peixes”, en palabras de María José Lago, representante da dita empresa.
Coma toda ferramenta innovadora, deseñouse para cubrir un oco e para achegar un servizo para as empresas até o de agora inexistente ou parcial. No caso de Elastic Aqua Business, desenvolve xa un importante labor para a piscifactoría Insuíña, que dende 2003 leva traballando con esta aplicación e tirando especial proveito dela no que se refire á organización da produción. Entre outras moitas manobras, o programa permite acceder á información sobre todo o relativo á xestión do peixe (a reprodución, a cría, a venda, etc) e, a maiores, fai que o acceso a eses datos sexa o máis sinxelo posible, sen límite de usuarios e con total dispoñibilidade (tempo real) a través da Rede. Asemade, posibilita ordenar esa información, centralizala, e facer uso dela para tomar a mellor decisión empresarial posible. “Tamén permite a xestión de recursos físicos e humanos, dos lotes e dos ciclos produtivos e de diferentes documentos”, sinalou Lago.
Con todo, e saíndo xa do plano teórico, foi coas demostracións prácticas como mellor se puído enxergar o funcionamento e as vantaxes do software, e así o entendeu Imatia, que está a centrar unha parte do seu traballo na World Fishing en amosar os elementos do seu programa: táboas e gráficos con datos sobre alimentación, peso, tratamento, entradas, saídas, traslados, tipo de peixe. Ademais, informaron, “a través da aplicación podemos coñecer as existencias actuais e as pasadas para realizar clasificacións, valoracións e curvas estándar para ver, entre outras cousas, como está de poboado un tanque”.

PUBLICIDADE