Imatia fai avanzar a Administración Electrónica en Brasil

venres, 10 de marzo do 2017 Fernando Sarasketa

A empresa galega Imatia, reponsábel de cousas como a transformación dixital do Concello de Pontevedra, está a estender o seu radio de alcance en materia de servizos para a Administración Electrónica. No seu punto de mira atópanse países onde Brasil, onde se experimenta dende hai anos un forte crecemento económico e demográfico nas cidades que derivou, entre outras cousas, nunha serie de demandas especiais para as administracións dos espazos urbanos receptores de nova poboación. Segundo nos conta Imatia, trátase dunha situación que por desgraza é estensíbel a toda América Latina: unha manchea de administracións locais que non dan atopado fórmulas axeitadas para unha axeitada xestión dos seus recursos, “producíndose graves desigualdades sociais”. Neste punto entran en xogo os servizos tecnolóxicos da firma galega e das súas “compañeiras” de viaxe de ámbalas beiras do Atlántico.
Estamos a falar do Projeto Breogán, un consorcio de empresas entre as que se atopa a galega Imatia e que comezou a súa andaina en 2013, negociando coas prefeituras locais para implantar solucións tecnolóxicas de goberno electrónico que “permitisen mellorar cousas como a xestión do catastro, comezando pola súa dixitalización”. O cometido final sería o de modernizar as administracións locais para introducir nelas un marcado compoñente smart. Ou sexa, converter as cidades en Cidades Dixitais.
A primeira urbe coa que se colaboraron foi Valinhos, unha localidade que por estar emprazada moi preto de São Paulo e o seu aeroporto internacional, experimentou este anos un rápido medre demográfico até chegar aos 100.000 habitantes. Nesta prefeitura, ademais da dixitalizárense 50.000 fichas catastrais, implantáronse varios procedementos para mellorar a xestión da área de urbanismo, así como a sede electrónica local, onde, segundo informa Imatia, “os cidadáns xa poden hoxe solicitar servizos públicos en liña e comprobar o estado de tramitación dos seus expedientes”.
Logo de Valinhos foi a quenda doutras cidades brasileiras, que mostraron interese en modernizar os seus procesos cara ao eido smart, como Olinda e Campina Grande, ambas as dúas situadas na costa este do país e cunha poboación próxima ao medio millón. Nestas localidades ten traballado unha delegación do Projeto Breogán, coñecendo as demandas destas prefeituras e avaliando as actuacións máis acaidas.
O devandito consorcio está formado por un equipo multidisciplinar de persoas especializadas en diferentes eidos: técnicos, arquitectos, enxeñeiros, economistas e xuristas, entre outros. Todos eles, sinala Imatia, pertencen ás empresas brasileiras Breogan Innovation e SSR, e, tamén, pola nosa beira atlántica, á andaluza Ofica, á asturiana AVArquitectos e á galega Imatia. Esta última, “con vistas a afianzar a súa presenza no mercado brasileiro”, estableceu en 2015 a súa primeira oficina fóra de España, na cidade de São Paulo.

PUBLICIDADE