Imatia, encargada do desenvolvemento da sede electrónica de Pontevedra

luns, 14 de marzo do 2016 Fernando Sarasketa

Co arranque de marzo botaba a andar a sede electrónica do Concello de Pontevedra, sede.pontevedra.gal, un espazo destinado a permitir á cidadanía cousas como facilitar ao máximo a resolución de todo tipo de trámites e xestións (nun primeiro intre tramitacións sinxelas como a comunicación da conta corrente, declaración de datos fiscais, solicitude xeral ante o Rexistro, etc). Como lembraremos, o espazo en liña xa encetou a recepción de peticións e suxestións na mesma xornada do 1 de marzo: nesa mañá a páxina rexistraba 42 accesos na súa parte privada tanto de empresas como de particulares. A sede electrónica de Pontevedra é unha realidade grazas ao labor despregado polo Concello pero tamén polos coñecementos e tecnoloxías aplicados pola firma galega Imatia.
A empresa foi, de feito, a encargada do desenvolvemento da plataforma, a través da súa marca orientada ás entidades públicas, Cividas, un recurso de cuxas funcionalidades e pontecialidades xa temos falado en Código Cero con motivo do seus primeiros e importantes procesos de espallamento aló polo 2009.
A presentación da sede electrónica e dos detalles da participación de Imatia celebrouse os días pasados na Cidade do Lérez, con posterioridade á “botadura oficial” de sede.pontevedra.gal. A comparecencia correu a cargo do concelleiro de Réxime Interior de Pontevedra, Vicente García Legísima, e Carlos Fernández Villar, en representación de Imatia. Este último, como máximo responsábel do proxecto, explicou aos asistentes en que consiste a sede e cales son as principais vantaxes que achegará tanto aos cidadáns como á Administración.
Segundo fixeron saber, o espazo en liña conta cunha parte pública, na que arestora se ofrece aos cidadáns información sobre 64 procedementos de todo tipo (padrón de habitantes, rexistro xeral, servizos tributarios, etc.), os trámites ou a documentación precisa para realizalos fisicamente, e as dependencias municipais ás que dirixirse. Tamén inclúe o portal de transparencia e o taboleiro dixital de anuncios, así como a posibilidade de acceder a documentación como as actas dos plenos, ou de descargar as ordenanzas e normativas municipais.
Igualmente, na presentación lembrouse que existe outra parte privada, na que os cidadáns, previo proceso de autentificación, poderán solicitar de maneira telemática algúns dos servizos ofertados polo Concello, así como consultar o estado dos seus expedientes xa abertos ou xestionar o pago de recibos.
Na cita cos medios salientouse ademais o positiva que está a ser a primeira andaina da plataforma, “cun elevado número de visitas, tanto á parte pública como á privada, e sen que se rexistraran incidencias graves”. Segundo engadiron, a versión móbil da sede “funciona á perfección, coa mesma funcionalidade que a versión de escritorio e a posibilidade adicional de escanear códigos QR”. Ademais, explicaron, “incluíronse diferentes melloras”, como o uso do motor de procura de Google para contidos internos, o cacheo dos datos máis estáticos para mellorar a rapidez de resposta, ou un elevado nivel de “configurabilidade” dos menús e contidos por parte do propio persoal da Administración.

PUBLICIDADE