Imatia automatiza en Navantia Ferrol a disposición dos buques en dique seco

venres, 17 de setembro do 2021 S. P.

Imatia, empresa galega desenvolvedora de software específico nun amplo abano de sectores (dende moda a comercio electrónico, pasando por administración pública e robótica), vén de subir un novo chanzo en excelencia tecnolóxica e innovación en Industria 4.0. Fíxoo, en concreto, habilitando nas instalacións de Navantia Reparaciones en Ría de Ferrol un sistema para automatizar “con total exactitude” a posición dos bloques de apoio necesarios para manter a seguridade dos buques en seco cando son obxecto de postas a punto.
Segundo explica Imatia, o sistema tradicional “está a chegar ao seu fin”, xa que viña sendo unha tarefa “absolutamente manual”, con todas as complexidades extra que este tipo de traballo poñía en xogo nun proceso tan complexo como garantir a mellor posición dun buque varado e en seco. “Trátase dunha operación onde a precisión e a fiabilidade deben ser absolutas”, explican dende Imatia, engadindo que “un erro mínimo acumulado de 1 centímetro en buques de centos de metros, poden derivar nun erro fatal”.
Porén, a proposta de Imatia engade dous conceptos clave: fiabilidade e precisión. Ao mesmo tempo, “é quen de minimizar os riscos, xa que o sistema guía directamente ao operador da carretilla”, informou a empresa galega
Como sinala Luis Aceituno, coordinador de proxectos estratéxicos en Imatia, “a partir dos planos dixitalizados do buque establécense as coordenadas permitindo sinalar con total exactitude onde hai que situar cada un dos bloques de apoio, ou sexa, onde descansarán as cadernas ou reforzos do barco. A información das localizacións trasládase de forma telemática e, virtualmente, o operador dispón dunha vista en planta do dique na pantalla axustada a unha carretilla elevadora que sinala a posición da mesma e os bloques de apoio a situar con precisión milimétrica grazas a un sistema de posicionamento relativo por láser (LiDAR) instalado no teito da máquina”. Segundo engade Aceituno, “no intre en que a carretilla, carrexando o bloque de apoio escollido a través do sistema, achégase á localización correcta, visualízase o mesmo en cor verde, instante no que se deposita no chan. Así até os centos deles que poden compor a cama dese buque. Ademais, supón unha fiabilidade absoluta en relación cos procesos empregados até agora”, conclúe.
Esta solución de Itmatia pode axudar a todo o sector naval a optimizar a tarefa de asentar con total seguridade un buque nun dique seco para a súa reparación e/ou mantemento.

PUBLICIDADE