InWatch, un novo reloxo de pulso baseado en Android

venres, 9 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Os smartwatches ou reloxos de pulso intelixentes queren pórse de moda, e tras a boa acollida do proxecto de micromecenado do Pebble, moitos son os fabricantes que queren entrar neste segmento de mercado, sendo o último que coñecemos o chinés inWatch One (non confundir co italiano I’m Watch), que diferénciase bastante doutros produtos semellantes ao funcionar cunha versión personalizada de Android 4.0 (chamada inDroid) e contar con espazo para unha tarxeta SIM, de xeito que pode acceder tanto a datos como a voz como se dun móbil completo (aínda que limitándose á rede GSM).
Este dispositivo funciona cun procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, ten unha pantalla de 1,54 polgadas cunha resolución de 240 x 240 píxeles, cámara de 2 Mpíxeles, Wi-Fi, Bluetooth, GPS e batería de 500 mAh (o que permitiría unha autonomía de 36-48 horas de uso e 120 horas en espera), contando con algunhas das aplicacións móbiles máis populares en China, onde pode mercarse por 1.788 iuans (218,20 euros). Temos así un dispositivo á venda en varias cores (negro, branco, vermello, azul, ouro e prata) e pode empregarse como teléfono (para quen queira sentirse como Michael Knight falando con KITT en El Coche Fantástico), para reproducir música, para programar alarmas e para sacar fotografías.

PUBLICIDADE