Igualdade, o CESGA e o CPEIG lanzan un concurso para fomentar as vocacións TIC femininas

xoves, 21 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Igualdade, o CESGA e o CPEIG volven xuntar forzas para tirar abaixo calquera tipo de barreira que se interpoña entre as mulleres e as novas tecnoloxías da información, poñendo o foco na necesidade de impedir que o sector TIC siga a verse desprovisto da imprescindíbel presenza das rapazas. Este é o compromiso conxunto que alenta cada ano a actividade internacional ICT-Go-Girls! (cuxa celebración galega vén da man do CESGA e da Secretaría de Igualdade, coa colaboración activa do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia) e este é o espírito que impulsa a primeira edición do concurso #ApuntasTech?, presentado hoxe.
A actividade, que terá o obxectivo de promover as vocacións tecnolóxicas femininas, colle pulo coa experiencia conxunta de Igualdade e o CESGA impulsando a dita iniciativa ICT-Go-Girls! (dende 2013) e colaborando en diferentes iniciativas para a difusión e promoción de las Tecnoloxías da Comunicación e Información (TIC), facendo fincapé en lograr que as mulleres alcancen una presenza igualitaria no ámbito dixital. Isto tense materializado en accións dirixidas a rapazas de entre 10 a 15 anos, franxa de idade o CESGA e Igualdade consideran “chave” para “mudar a tendencia ao rexeitamento das carreiras tecnolóxicas entre las rapazas”.
O concurso ApuntasTech? pretende, dun xeito lúdico e aberto, escoitar a todas as partes implicadas para “poder reunir as mellores propostas”, e xerar un catálogo dinámico que permita traballar as tecnoloxías de “forma amena”, sobre todo na aula, pero tamén fóra dela, en actividades extraescolares, en familia, etc. Logo está previsto elaborar unha escolma das mellores propostas e publicalas con licenza aberta para a súa descarga na web do concurso, así como en diferentes acubillos de materiais educativos en liña.
Bases e máis información
O concurso conta con 4 categorías, 2 para estudantes (primaria, secundaria e bacharelato) e 2 para adultos (centros educativos e outros centros/institucións) e estará aberto a recibir propostas ata o día 15 de abril. Cada categoría conta cun premio principal e dous accésits. Toda a información sobre o mesmo pódese obter na súa páxina web: www.ictgogirls.eu/apuntastech.
Este certame sitúase ao abeiro das actividades para celebrar o sétimo Día das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day) o vindeiro 25 de abril, día no que se fará pública a decisión do xurado do concurso. Este acto celebrarase no CESGA e será retransmitido en directo a través de Internet. Toda a información e instrucións para participar no evento está publicada en www.ictgogirls.eu/dia-rapazas-nas-tic/.
Organización e colaboracións
O concurso está organizado e patrocinado polo CESGA en colaboración coa Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). Conta co apoio de múltiples institucións: Axencia Galega de Innovación, Consellería de Educación e Formación Profesional, Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica (Xunta de Galicia), Facultade de Ciencias da Educación e Unidade Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVIGO), Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, nodo Galicia (AMIT-Gal), Asociación MujeresTech, e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters! así como a tenda online Bricogeek.com.

PUBLICIDADE