Igaciencia entrega os premios do XXX Rally Matemático e Científico Sen Fronteiras

venres, 1 de abril do 2022 S. P.

Este primeiro de abril celebrouse na Facultade de Química da USC a entrega de premios do XXX Rally Matemático e Científico Sen Fronteiras 2022. Trátase dunha das probas científicas para alumnado da ESO de maior participación en Galicia, promovida pola Institución Galega de Ciencia, Igaciencia, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Na cita participou o responsábel deste departamento, Valentín García, salientando o tanto da mocidade “para desenvolver calquera destreza e facelo ademais na lingua propia”. Estiveron canda el o vicedecano da Facultade de Química, Pedro Rodríguez Dafonte, así como Manuel Díaz Regueiro e Inés Ben González, presidente e secretaria da Institución Galega de Ciencia.
Nesta última edición do premio participaron un total de 936 alumnos de todas as provincias galegas, apoiados polos seus 117 docentes. Os gañadores desta final galega resultaron ser o Colexio Nosa Señora dos Remedios, de Santiago de Compostela, en 1º da ESO; o Instituto IES nº1 do Carballiño, en 2º da ESO, e o Colexio Sagrado Corazón de Placeres de Marín, en 3º. En 4º da ESO, con dúas modalidades, os vencedores foron o Colexio Nosa Señora dos Remedios, por Física e Química, e o instituto IES Manuel Murguía de Arteixo, por Matemáticas. Estes cinco equipos gañadores asistirán en maio á final internacional de Toulouse e recibiron, a maiores, un lote de libros da man da Xunta.


PUBLICIDADE