Icarian será o primeiro xogo español para WiiWare

mércores, 25 de marzo do 2009 Marcus Fernández

O estudo madrileño Over the Top Games presentou esta semana o seu primeiro xogo para WiiWare, a plataforma de xogos en descarga para a consola de videoxogos doméstica de Nintendo, que responde ao nome de Icarian: Kindred Spirits, e sairá á venda no mes de maio por un prezo por concretar entre 10 e 15 euros.
O xogo está ambientado na antiga Grecia e inspírase no mito de Ícaro, aínda que o personaxe que manexaremos será Nyx, unha amiga do mozo con ás de cera que tamén conta con este tipo de artefacto que lle permite voar na busca do seu amigo, para o que contará coa axuda dos deuses do Olimpo (que agasallarán a Nyx con poderes coma mover obxectos ou poder crear correntes de aire para chegar a lugares elevados). Pero non só o argumento e a estética gráfica son os elementos coidados nesta aventura, senón que tamén tirará proveito do sistema de control da Wii (facendo uso tanto do Wiimote coma do Nunchuk).
Os creadores deste título descargable (catro mozos que traballaran en empresas coma Pyro Studios e Mercury Steam) foron capaces de imaxinar un xogo de plataformas moi orixinal e imaxinativo, no que usuario terá que facer fronte a grandes inimigos finais orixinarios de mitos gregos (como a hidra), e que de acadar un bo resultado comercial demostraría que os pequenos estudos poden facerse un oco no mercado dos videoxogos no que non todos os produtos son superproducións.


Primeiro vídeo de Icarian no que podemos facernos unha idea da súa mecánica de xogo

PUBLICIDADE