Iberbanda e Radwin unen forzas para potenciar o seu acceso ás redes en áreas afastadas

luns, 27 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Iberbanda, compañía con longa experiencia na nosa terra no despregue de redes para o acceso dende o rural, a través da marca Tngo.es, vén de informar dun fortalecemento na súa estratexia a prol da mellora de servizo en áreas remotas, tanto a empresas como a veciñanza en xeral. Este reforzamento faise a través dun acordo con Radwin, compañía de solucións de redes sen fíos, que vai ser a encargada dun despregue de sistemas para a banda de frecuencia de 5.x Xhz, sendo o obxectivo o de ofrecer solucións de conexión de alta capacidade para zonas afastadas.
A experiencia de Radwin, sinálase nunha nota da empresa, achegarán a Iberbanda “a capacidade de chegar a novos clientes e ofrecer servizos de alta dispoñibilidade cunha calidade garantida”. A primeira fase do despegue, engádese, xa está en marcha na xeografía galega e máis en Nafarroa. As solucións que pon en xogo esta compañía, chamadas Radwin 200, subministran 200 Mbps en rangos de até 120 quilómetros. As radios, engádese, “incorporan tecnoloxías avanzadas como OFDM e MIMO, así como unha exclusiva interface aérea que permite un rendemento moi superior en contornos xeográficos adversos e situacións de non liña de vista, en severas condicións climáticas e zonas de interferencias”.

PUBLICIDADE