INEO organiza unha xornada sobre incentivos fiscais en materia de Investigación e Desenvolvemento
xoves, 20 de marzo do 2014
O vindeiro xoves 27 de
marzo a asociación empresarial INEO organiza en colaboración con
TÚV Rheinland e F.Iniciativas, a xornada Desgravación
fiscal en I+D segundo a Lei de Apoio a Emprendedores, unha
xornada que servirá entre outras cousas para afondar nas novidades
introducidas no novo marco regulamentario da devandita Lei, facendo
fincapé nos incentivos fiscais que se poden aplicar no relativo a
actividades de innovación empresarial.
Durante a xornada tamén
se falará de como se poden acadar estas deducións no imposto de
sociedades a través da solicitude do informe motivado mediante a
certificación de proxectos conforme ao Real Decreto 1432/2003 que
establece os requisitos científicos e tecnolóxicos para a obtención
do devandito informe.
A actividade comezará a
partir da 10:00 horas na aula de Formación do Consorcio da Zona
Franca de Vigo (Área Portuaria de Bouzas). Ao remate, celebrarase a
sinatura dun convenio entre INEO e TÜV Rheinland, un acordo dirixido
a fomentar a cooperación na certificación Proxectos de
Investigación e/ou Desenvolvemento e/ou Innovación Tecnolóxica.