INEO informa das vantaxes das axudas de Red.es ao ecommerce, no que participan dúas empresas socias

mércores, 11 de setembro do 2013 Redacción

A asociación INEO vén de informarnos da importante contribución das súas empresas ao novo programa de axudas de Red.es para impulsar a presenza das PEME en Internet, un programa cuxo prazo de solicitude fica aberto até o 7 de outubro e que foi avaliado polo miúdo nun encontro (o día 5 de setembro) organizado por INEO, AEMPE e os Novos Empresarios de Pontevedra. Segundo se fixo saber, Red.es está a subvencionar até o o 85% do gasto de asesoramento en comercio electrónico e até un 75% do custo da implantación das solucións que permitan a venda en liña. Ao abeiro deste novo programa centrado no ecommerce, dúas empresas asociadas a INEO, Macrosistemas e Grupo Euclides, veñen de ser seleccionadas por Red.es para a prestación do dito servizo.
Macrosistemas é unha empresa TIC radicada en Vigo con 30 anos de experiencia no sector, onde leva a cabo un intenso labor de I+D+ I na área de desenvolvemento de software, así como de servizos de consultoría e implantación de solucións de comercio electrónico, entre outras tarefas. A súa estratexia pasa por facilitarlles ás PEME o acceso a solucións avanzadas.
Pola súa parte, Grupo Euclides leva máis de 20 anos ofrecendo solucións empresariais e executa proxectos de comercio electrónico sobre plataforma Magento. Os seus servizos, informou INEO, abranguen todo o ciclo de vida dunha boa estratexia de vendas en liña: desde a planificación, o deseño, o desenvolvemento e a mercadotecnia, até o mantemento e seguimento do sistema.
A participación no programa da entidade público-empresarial está aberta a todo tipo de empresas, con independencia da situación a nivel TIC na que se atopen, xa que os servizos estrutúranse en tres niveles: PEME cunha presencia web básica que aínda non realizan vendas por Internet, empresas que contan cunha estrutura de ecommerce básica ou aquelas que xa dispoñen dunha avanzada. A única premisa é ter web de seu e que o asesoramento veña da man de empresas homologadas polo organismo público.
Co fin de informar as PEME galegas sobre estas axudas de Red.es para impulsar o comercio electrónico, INEO, a Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (AEMPE) e a Asociación de Novos Empresarios de Pontevedra celebraron o pasado 5 de setembro unha xornada informativa en Pontevedra. O evento, informan as asociacións, supuxo un espazo de contacto e traballo en rede entre os asistentes, ao estar presentes no mesmo representantes de Macrosistemas e do Grupo Euclides.

PUBLICIDADE