IKEA venderá mobles con sistema de carga sen fíos

luns, 2 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Unha das prestacións que levan varios anos a incorporar os smartphones de alta gama, e que continúan sen ter unha adopción masiva, é o da carga sen fíos, que resulta sumamente cómoda, pero que aínda non atopou o xeito de integrarse no noso día a día dun xeito práctico e discreto, o que quere solucionar IKEA, que vén de anunciar que para o mes de abril vai pór á venda unha serie de produtos que integrarán a tecnoloxía de carga por indución Qi, estándar apoiado polo Wireless Power Consortium e é o empregado por practicamente todos os smartphones actuais con carga sen fíos.
Os primeiros produtos de IKEA que incluirían un sistema de carga sen fíos Qi serían mesiñas de noite, lámpadas e escritorios, que buscarían así evitar ter que encher o fogar con cables para cargar o smartphone con frecuencia, facendo que a recarga da batería do teléfono sexa case transparente ao usuario, xa que chegaría con repousar o terminal sobre algún dos mobles compatibles, evitando a fricción de ter que conectar un cable polo seu porto microUSB, e tamén podendo atender unha chamada entrante sen ter que estar pendente de quitar o cable de carga.
Aínda que a tecnoloxía de carga sen fíos xa está dispoñible en terminais con bastante tempo no mercado como o Nexus 4 ou o Lumia 920, é posible integrar esta tecnoloxía en dispositivos que non a incluísen de serie mediante fundas, que posiblemente tamén venderá a propia IKEA para potenciar a venda do seu mobiliario que tamén agochará un porto USB para poder empregar un sistema de carga ordinario.

JPEG - 509.5 KB
En abril IKEA lanzará distintos produtos con carga Qi

PUBLICIDADE