IKEA vai ampliar a distribución das súas lámpadas conectadas
martes, 28 de marzo do 2017
Xa levamos un par de anos con informacións apuntando a que IKEA
ía comercializar lámpadas conectadas para o fogar e, de feito, xa hai
algúns mercados europeos que teñen dispoñibles a serie de lámpadas Trådfri, que
vén a ser a competencia sueca das Philips Hue, coas que comparten tecnoloxía e
coas que buscan competir principalmente en prezo. Está previsto que para o mes
que vén amplíen a súa distribución internacional, de xeito que en breve
poderiamos ver esta interesante proposta en España.
Temos así un sistema que funciona conectando unha dispositivo ponte á nosa rede
doméstica a través de cable, e que facilitará a conectividade ás lámpadas que
instalemos no fogar, para despois poder controlar o seu acendido e intensidade
mediante mando a distancia ou incluso aplicación móbil.
Como mostra temos un
dos kits de lámpadas conectadas que IKEA vende en Suecia que está composto
por un gateway, un mando a distancia
e 2 lámpadas LED E27 por 749 coroas (78,51 euros), prezo semellante ao que
custaría un lote equivalente de Philips sen incluír o mando a distancia, accesorio
que custaría preto de 25 euros, de aí que e considere que a opción de IKEA é
bastante atractiva.
Ás lámpadas máis económicas da liña Trådfri serían as E14, que custan 149
coroas (15,62 euros), mentres que as E27 partirían dun prezo de 179 coroas
(18,76 euros), ou sexa, que terían un prezo moi próximo ao da competencia (as
Philips Hue White poden conseguirse por 17,90 euros), de xeito que podemos
entender que realmente IKEA non busca tirar
os prezos, senón simplemente abrir a porta a unha nova liña de produtos que
encaixan moi ben na súa oferta e que son un primeiro paso para popularizar os
fogares conectados.
As lámpadas conectadas de IKEA poden controlarse co noso smartphone