IGACiencia e a Secretaría da Lingua entregan os premios Novos Poliedros e Astronomía
martes, 10 de decembro do 2024
IGACiencia e a Secretaría Xeral de Lingua entregaron este 10 de decembro os premios da cuarta edición do certame Novos Poliedros, convocado co gallo do Mes da Ciencia en Galego pola Institución Galega da Ciencia coa colaboración da Secretaría e co obxectivo de “promover entre a mocidade a innovación científica en lingua galega”. As distincións foron concedidas polo secretario xeral de Lingua, Valentín García, e polo responsábel de IGACiencia, Manuel Díaz.
Contouse coa presenza do alumnado e o profesorado dos centros premiados e durante a cita García enxalzou o valor desta iniciativa “que fomenta a creatividade en galego desde un enfoque multidisciplinar e rigoroso para reafirmar o valor da lingua propia de Galicia no ámbito científico”.
Na edición 2024 de Novos Poliedros resultaron gañadores o instituto Menéndez Pidal da Coruña, polo traballo Cuatrisquel da Santa Compaña; o instituto de Meaño (Pontevedra), polo traballo Gran Icosaedro de Kepler, e o colexio Cabo da Area de Laxe (A Coruña), polo traballo Universo dodecaédrico Estrelado. No certame de vídeos, pola súa banda, foron gañadores o instituto de Beade (Pontevedra), polo traballo O camiño do sol a través do ceo; o colexio de Castroverde (Lugo), polo traballo O Bing Bang, e o colexio de Castro Baxoi de Miño (A Coruña), polo traballo O Planeta 9.
Os gañadores, que expuxeron no acto os seus traballos, recibiron un premio económico por centro, un lote de libros e un diploma acreditativo como agasallo.
Este concurso, que homenaxea a figura de Evarist Galois, creador do concepto de grupo e da simetría científica, busca incentivar entre a rapazada o interese pola ciencia, en particular pola xeometría e pola simetría, amosándolle a súa importancia no estudo do universo, da estrutura química ou dos seres vivos, ao tempo que promove o uso da lingua galega entre a mocidade. A partir dunha listaxe de poliedros, os centros participantes elixiron e reproduciron un ou varios deles utilizando o material que tivesen da súa man, desde impresoras 3D ata simples cartolinas e, finalmente, nomeárono cun nome orixinal en galego.