IEBS presenta un máster en liña centrado en programas abertos de xestión empresarial e ERP

venres, 26 de abril do 2013 Redacción

A escola de negocios IEBS anunciou o lanzamento do primeiro máster do mercado que aborda de xeito específico a xestión do software empresarial avanzado e apoiado en ferramentas de código libre. Trátase do Máster en Software Libre de Xestión: Open Source ERP II. Cómpre lembrar, para que sexa acabado de chegar á materia, que os ERP (ou Enterprise Resource Planning, polas súas siglas en inglés) son sistemas de información empregados para xestionar os principais procesos de negocio empresariais. Na actualidade, sinalan a escola, “estes sistemas evolucionaron cara a unha integración de procesos e funcións (ERP II ou ERP estendido) e o seu uso está a xeneralizarse en todo tipo de organizacións, en parte, grazas á irrupción de novas e innovadoras propostas en software libre”. O máster en cuestión responde, polo tanto, a estas demandas.
En palabras da escola, responde a “unha era na que a programación aberta resulta unha realidade cada vez máis demandada no mundo empresarial, pero na que resulta difícil atopar a profesionais preparados que sexan quen de aplicalo en casos concretos con éxito”. Nun plano máis específico, achega as ferramentas precisas para comprender e xestionar o cambio de paradigma que supón o código aberto nas organizacións. A actividade formativa, nunha vertente formativa concreta, servirá para afondar nas aplicacións de xestión líderes en cada categoría, como por exemplo Openbravo, SugarCRM, Pentaho, Alfresco ou Magento, entre outras.
O ster está dirixido a profesionais, emprendedores e titulados recentes que aspiren a liderar os procesos de transformación e innovación das empresas do século XXI. O programa, que arrinca o próximo 24 de outubro 2013, impártese en liña de xeito íntegro. Os interesados poden informarse sobre na web da escola de negocios. O director do curso, un dos impulsores de Openbravo e experto en ERPs, Eugeni Vives, explica que “o obxectivo é que o alumno adquira as habilidades necesarias para deseñar unha estratexia óptima, baseada en software libre, para a implantación dos sistemas de xestión empresarial dunha empresa, administración pública ou ONG”.

PUBLICIDADE