IBM xestionará os establecementos de Adolfo Domínguez

luns, 12 de maio do 2014 Redacción

Adolfo Domínguez, nunha xunta de accionistas celebrada na Tecnópole de Ourense

A marca de moda do deseñador galego Adolfo Domínguez contará con tecnoloxía de IBM. Segundo vén de anunciar a multinacional TIC, esta será a encargada de achegarlle á firma da nosa terra infraestrutura precisa para levar adiante a xestión dos seus establecementos. Así, os datos relativos á facturación e ao inventario cotián de cada un dos máis de 600 puntos de venda do grupo téxtil en todo o mundo serán xestionados no centro cloud de IBM en España, situado en Barcelona. Grazas a este acordo -que estará vixente durante os vindeiros tres anos- os datos das tendas de Adolfo Domínguez pasarán a ser xestionados polo módulo SAP Retail que estará albergado na solución de IBM Servizos Xestionados de Cloud.
O módulo será introducido por Birchman, socio comercial de IBM. Adolfo Domínguez beneficiarase tanto de que IBM sexa unha das empresas que ten un centro cloud local coma do feito de que este centro estea conectado cunha rede internacional, que a finais de ano estará conformada por 40 centros en todo o mundo.
Cómpre dicir que a rede de centros cloud de IBM permite aos clientes empregar aplicacións a nivel internacional sen necesidade de depender das liñas de Internet para a conexión a servidores situados en distintos países, evitando deste xeito os problemas causados polo tráfico das redes públicas. Amais, os clientes poden elixir un dos centros para situar o seu servizo ou elixir que estea dispoñíbel en varios deles por razóns de negocio ou para servizos de disaster recovery,
A xeito de curiosidade, dicir que entre os clientes internacionais da tecnoloxía cloud de IBM se atopan empresas como Heineken, Philips Smart TV, Honda, Toyota, L’’Oreal, Grupo Zúric, Visa Europe, Continental e o Open de Tenis de Estados Unidos e de Australia.

PUBLICIDADE