Huawei resucita o P30 Pro para ter un smartphone novo cos servizos de Google

martes, 12 de maio do 2020 Marcus Fernández

Dende que os smartphones de Huawei carecen dos servizos de Google experimentaron unha forte caída de vendas en Europa, mantendo a compañía chinesa certo nivel de vendas grazas a que os dispositivos anteriores ao veto estadounidense manteñen a certificación de Google, e para poder continuar nesta liña están a facer xogadas que rozan os límites da legalidade como o lanzamento do Huawei P30 Pro New Edition, que sairá á venda o vindeiro día 15 en Alemaña (confiándose en que chegue rapidamente tamén a España) e que vén a ser unha revisión P30 Pro orixinal que mantén o procesador de hai máis dun ano (o Kirin 980), pero cunha configuración con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento que en vez de custar os 1.049 euros que tiña hai un ano, terá un prezo oficial de 749 euros, incluíndo de xeito promocional uns auriculares Huawei FreeBuds 3 e un mini altofalante de Huawei.
Con este lanzamento Huawei busca simplemente ofrecer unha alternativa ao Huawei P40 Pro para usuarios que consideren imprescindibles os servizos de Google, aínda que a xogada semella bastante absurda, xa que actualmente está dispoñible o P30 Pro con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento a un prezo de 679 euros en Amazon (podendo atoparse a 639 euros noutros establecementos), polo que non parece moi razoable a adquisición dunha versión case igual (as pequenas diferencias entre os modelos aínda non se detallaron) a un prezo máis elevado.

PUBLICIDADE