Huawei presenta os seu novos smartphones de alta gama

luns, 16 de outubro do 2017 Marcus Fernández

O Huawei Mate 10 ten pantalla de 5,9 polgadas con relación 16:9, de xeito que sería o máis tradicional dos novos smartphones (pese a apostar pola redución de marcos).

Huawei presentou a súa nova familia de móbiles Mate 10, composta por tres terminais baseados en procesadores Kirin 970 (cunha unidade de procesamento baseada en redes de neuronas) e con cámara dual Leica: o Mate 10, o Mate 10 Pro e o Porsche Design Mate 10.
O procesador deste novos smartphones de Huawei está fabricado con tecnoloxía de 10 nm, 8 núcleos, gráfica Mali-G72 de 12 núcleos e a primeira NPU (unidade de procesamento de redes neuronais) deseñada para un dispositivos móbil. Tamén fai uso dun novo IPS dual para poder aplicar a intelixencia artificial na realización de fotografías.

O Huawei Mate 10 Pro adopta unha relación de pantalla de 2:1 e incorpora resistencia á auga e ao po.

O Huawei Mate 10 ten unha pantalla IPS case sen marcos de 5,9 polgadas e relación 16:9, conseguindo unhas cores moi vivas grazas ao soporte de HDR10, como tamén fai a pantalla OLED de 6 polgadas do Mate 10 Pro, que pola súa banda opta por unha proporción de 18:9. As distintas proporcións de pantalla tamén afectan ao lector de pegadas dixitais, que no Mate 10 é frontal e no Mate 10 Pro ten que situarse na parte traseira. Outro detalle polo que destaca o modelo Pro é por ter certificación IP67, ou sexa, que é resistente á auga e ao po.
Nas cámaras tamén estamos ante móbiles moi competentes, incorporando na súa parte traseira sensores de 12 Mpíxeles en cor e 20 Mpíxeles en monocromo con certificación Leica, estabilización óptica de imaxe e unha impresionante apertura (f/1.6). Poden aplicar efecto de desenfoque selectivo mediante intelixencia artificial, á vez que tamén aproveita o recoñecemento de obxectos e escenas para elixir a configuración máis axeitada a cada momento.
Os novos smartphones de Huawei integran batería de 4.000 mAh con carga rápida, capaces de chegar do 1% ao 20% de carga en só 10 minutos, e do 1% ao 58% de carga en 30 minutos.
O software co que funcionan os novos Mate 10 é EMUI 8.0, baseado en Android 8.0, de xeito que é un dos smartphones que está máis á última, destacando por integrar unha nova funcionalidade que permite converter o dispositivo móbil nunha especie de ordenador persoal, de xeito que pode facer espello da pantalla nun monitor externo ou funcionar coma se fose un PC na liña do que fan os móbiles de alta gama de Samsung, pero sen precisar dunha base do estilo da Samsung DeX Station, empregando unicamente un cable que converte o seu porto USB-C en HDMI (podendo completarse a experiencia cun teclado e un rato Bluetooth).

O Porsche Design Huawei Mate 10 é unha aposta polo luxo e a grande capacidade de almacenamento.

O Huawei Mate 10 con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento sairá a finais de mes a un prezo de 699 euros, mentres que o Huawei Mate 10 Pro con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento farase esperar até mediados de novembro, e venderase a un prezo de 799 euros. Nesa última data tamén estará dispoñible o Porsche Design Huawei Mate 10 con 6 GB de RAM e 256 GB de almacenamento a un prezo de 1.395 euros. Este último terminal é unha revisión do Mate 10 Pro que presenta un acabado en negro diamante e accesorios de luxo (como unha funda de pel) co que parece que o fabricante chinés quere chamar a atención colocándose por enriba do prezo do iPhone X de 256 GB (que custará 1.329 euros).

PUBLICIDADE