Huawei podería estar a preparar un televisor 5G 8K

xoves, 2 de maio do 2019 Marcus Fernández

JPEG - 49.4 KB
Chaobin Yang, presidente da liña de produtos 5G de Huawei

Huawei Technologies é un dos fabricantes de referencia de tecnoloxías 5G, pero cando dicimos iso referímonos normalmente ao equipamento de rede que empregan os operadores de telecomunicacións para achegar a telefonía móbil 5G aos seus usuarios, de aí que sorprenda que a empresa chinesa estrea a preparar o lanzamento para este mesmo ano do primeiro televisor 5G.
Segundo Nikkei Asian Review o televisor que está a preparar Huawei tería un panel 8K e incorporaría un módulo 5G, de xeito que podería descargar contidos de grande consumo de datos, incluíndo vídeos en 360 graos (ou sexa, contidos pensados inicialmente para consumir en sistemas de realidade virtual).
O televisor de Huawei non só serviría para poder gozar a servizos televisivos 5G sen contar con fibra óptica ou televisión por satélite, senón que tamén realizaría funcións de router, ou sexa, que serviría para dar conectividade a outros dispositivos no fogar.
En calquera caso falamos dun produto que terá un prezo moi elevado e unha oferta de contidos reducidísima, xa que actualmente incluso é pobre a oferta en 4K e, polo momento, o único mercado que parece apostar polo 8K é o xaponés, xa que terán emisións con tal resolución de cara aos Xogos Olímpicos, como unha demostración de forza tecnolóxica, pese a que ese esforzo careza de sentido no mercado doméstico, onde a resolución 8K é claramente excesiva (lembremos que a meirande parte das producións cinematográficas teñen resolucións inferiores ao 4K, e proxéctanse en pantallas moito maiores das que temos no fogar).

PUBLICIDADE