Huawei i-Mo: novo modem 3G con Wi-Fi

venres, 13 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

O fabricante de dispositivos de comunicacións de datos en redes 3G líder a nivel mundial, Huawei, presentará a vindeira semana en Barcelona o seu novo modem i-Mo HSPA que combinará nun único dispositivo un modem USB HSDPA/HSUPA, Wi-Fi e almacenamento en tarxetas microSD.
O dispositivo permitiría conectarse á Internet a velocidades de ata 7,2 Mbps (cunha velocidade de subida de ata 5,76 Mbps) conectándoo a un PC por USB ou incluso funciona coma punto de acceso Wi-Fi, o que permitiría aproveitar este tipo de conexións á Rede para varios equipos coma ordenadores portátiles, teléfonos móbiles intelixentes ou consolas de videoxogos, facilitando o uso da Internet en case calquera parte.
Tamén pode operar coma memoria USB, utilizando como medio de almacenamento unha tarxeta microSD, facendo que este trebello sexa aínda máis atractivo se cabe.
O Huawei E220 (popularmente coñecido por xaboneira) sería o modem USB 3G máis vendido do mundo con máis de 9 millóns de unidades no mercado e, pese a que saíu en 2006, aínda está a ser comercializado por distintas operadoras, e o Huawei i-Mo ten todas as bazas por converterse no herdeiro deste grande éxito, polo seu deseño atractivo, o seu pequeno tamaño e as súas impresionantes perstacións, aínda que haberá que agardar ao segundo trimestre do ano para velo no mercado.

PUBLICIDADE