Huawei estima unha caída de ingresos de 30.000 millóns de dólares por mor do bloqueo estadounidense

luns, 17 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Aínda non se coñece como será o desenlace entre o conflito entre EE.UU. e China, que mantén entre os seus reféns ao fabricante de telecomunicacións Huawei, que está a recoñecer o impacto do veto estadounidense nas súas contas, de xeito que o seu director xeral, Ren Zhengfei, ousa a estimar a caída de ingresos nuns 30.000 millóns de dólares.
O bloqueo dos EE.UU. non ten o impacto habitual nas sancións deste tipo, xa que non limítase a facer desaparecer a Huawei dos EE.UU. senón que, ao prohibir ás empresas norteamericanas traballar con Huawei provócase un efecto en cadea que afecta á cadea de subministros da compañía chinesa, que tería problemas para equipar os seus dispositivos de sistemas operativos, aplicacións e mesmo procesadores. O veto estadounidense tamén afectaría á colaboración con organizacións internacionais e moitas universidade, o que afectaría negativamente a todas as partes, existindo un grande temor no sector tecnolóxico, non só polas consecuencias económicas máis directas, senón pola posibilidade de que as desproporcionadas medidas da Casa Branca leven a que as compañías chinesas corten completamente ligazóns coas compañías de EE.UU., desenvolvendo tecnoloxía dun xeito totalmente illado, o que prexudicaría principalmente a empresas norteamericanas, que perderían un dos mercados máis grandes do mundo, e poderían atopar tamén atrancos á hora de traballar con compañías chinesas (actualmente chave nos procesos de fabricación).
Polo momento Huawei recoñece unha caída do 40% na distribución de smartphones, que no caso do negocio internacional podería chegar até o 60%, o que supón un volume moi importante, xa que estabamos a falar do segundo fabricante mundial de smartphones (aspirando a liderar o mercado en 2020), que inevitablemente perderá posicións durante 2019 incluso tras unha posible retirada das sancións estadounidenses, xa que o dano á súa imaxe pública foi moi grande, minando a confianza do consumidor.

PUBLICIDADE