Huawei atrévese cun smartphone con pantalla de 6,6 polgadas

luns, 1 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Continuando a abordar as distintas tendencias do mercado, Huawei non só amplía a súa familia Honor pola gama baixa, senón que tamén quere atender a elevada demanda de terminais de grande tamaño, polo que pon á venda o seu ambicioso Honor Note 8, un smartphone de gama media que ousa lucir unha pantalla Super AMOLED de 6,6 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1440 píxeles, o que supón unha grande aposta pola calidade de imaxe e non só polo tamaño.
Este enorme teléfono pode sorprender polo seu grosor de 7,18 milímetros, e aínda que pese 219 gramos, ao estar repartido nunha ampla área é de esperar que non resulte pesado. Funciona cun potente procesador Kirin 955, 4 GB de RAM (LPDDR4) e capacidades de almacenamento de 64 e 128 GB a un prezo de 2.499 e 2.799 iuans respectivamente (337 e 377 euros), cámara traseira de 13 Mpíxeles con estabilización óptica de imaxe e frontal de 8 Mpíxeles (ambas cunha apertura f/2.0), lector de pegadas dixitais, dobre SIM, sistema operativo EMUI 4.1 (baseado en Android 6.0) e unha xenerosa batería de 4.500 mAh que pode cargarse rápido a través do seu porto USB-C e que promete autonomías de até 13,4 horas de reprodución de vídeo Full HD ou 6,5 horas de uso combinado.

Coas súas 6,6 polgadas o Honor Note 8 resulta bastante rechamante na man

PUBLICIDADE