Hollywood enfróntase a unha nova ferramenta para o pirateo: os móbiles

venres, 31 de agosto do 2007 Matías Olazabal

A paranoia da loita (perdida) contra a piratería, lonxe de rematar, está a escribir un novo capítulo. Desta volta, a industria cinematográfica enfrontarase ós móbiles de última xeración, ferramentas que ameazan con converterse en outro dos seus inimigos públicos trala aparición de screeners gravados con estes trebellos en diferentes salas do mundo. Segundo un artigo publicado hoxe en Wired.com, o que máis preocupa ós magnates da industria é que, malia non ofrecer boa calidade de imaxe, os móbiles non erguen sospeitas nos cinemas, xa que case todo o auditorio entra co seu nas proxeccións.
Malia que unhas das primeiras imaxes que foron obtidas cun celular para logo percorrer o mundo resultaron ser as do linchamento de Sadam Husein, agora as bases de datos de Bitorrent xa ofrecen entre os resultados das pescudas unhas poucas filmacións feitas con móbiles, até en Australia foi arrestado un mozo acusado de ter gravado e distribuído por programas de P2P a película de Os Simpsons.
Alén da alarma creada entre os editores, produtores, e outros representantes das firmas ligadas ao sétimo arte, a demanda por este tipo de vídeos piratas é aínda moi baixa, sobre todo pola pobre calidade que achega o sistema, incluso sobre a copia da película de Os Simpsons moitas das persoas que a baixaron deixaron as súas opinións sobre a captura, un deles mesmo chegou a preguntarse “por que molestarse en gravar isto?” referíndose ao resultado final.

PUBLICIDADE