Hijos de Rivera e Alastria, Premio Iniciativa Empresarial do CPEIG

xoves, 20 de xuño do 2019 Redacción

O empuxe innovador de Hijos de Rivera vai ser distinguido polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) no marco da súa festa anual: a XI Noite da Enxeñaría en Informática que se celebra o 28 de xuño en Santiago (Hotel Monumento San Francisco). En concreto, a histórica marca de cervexa galega recibirá o Premio Iniciativa Empresarial “polo seu proceso de transformación dixital para a apertura de novos camiños de innovación e incrementar a competitividade da compañía”. O dito galardón tamén irá dar á asociación Alastria polo “fomento da economía dixital a través do desenvolvemento de tecnoloxías descentralizadas como é o blockchain”.
A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o vindeiro 28 de xuño no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.
Segundo informa o CPEIG a respecto do devandito galardón duplo, a transformación dixital é un eixo estratéxico da compañía Hijos de Rivera, que xira arredor dun plan integral de evolución e renovación que se comezou a executar nos últimos anos co fin de abrir novos camiños de innovación e incrementar a competitividade da empresa. O colexio tamén salienta o carácter transversal e integral da estratexia dixital, que se apoia en diversos piares: a Industria 4.0, o cliente conectado, a Intelixencia Artificial (IA), a analítica avanzada, eCommerce, a innovación tecnolóxica e o talento emprendedor.
Amais, o xurado valorou positivamente que a compañía considere a dixitalización un proceso 360º, “que debe impregnar toda a organización, aplicada desde a automatización e mellora dos procesos internos impulsando a optimización e competitividade, ata o máis importante que son as persoas, o Digital Mindset”, informa o CEIPG, engadindo que unha das liñas claves de Hijos de Rivera é a fórmula do Go To Market Digital, enfocada a desenvolver iniciativas que permitan incrementar a presenza dixital e profundar no coñecemento das súas distintas tipoloxías de clientes.
En relación á aposta polo talento emprendedor, o colexio tamén enxalzou a posta en marcha dun programa de emprendemento colaborativo chamado TheHop e destinado apoiar startups innovadoras. Ao seu abeiro, diferentes emprendedores traballan cooperando entre si e formando parte do ecosistema de innovación e creación aberta de Estrella Galicia.
A contribución de Alastria
Alastria é unha asociación sen ánimo de lucro que fomenta a economía dixital a través do desenvolvemento de tecnoloxías descentralizadas e de ferramentas baseadas na cadea de bloques, o blockchain. A asociación suma xa máis de 460 entidades de todo tipo de tamaños e sectores. Os socios colaboran e compiten dentro dunha rede pública permisionada, que dispón das ferramentas fundamentais para o desenvolvemento de estratexias blockchain pensadas para a distribución e organización de produtos e servizos para o mercado español e europeo. A materialización de software realizado polos socios en Alastria é de código libre.
Ademais, o CPEIG lembra que Alastria traballa na normalización dun modelo de identidade dixital, o Alastria ID, e “se todo continúa polo bo camiño”, este modelo “permitirá que as transaccións sobre a rede sexan universais con validez legal”. Segundo a presidenta de Alastria, María Parga, os principais obxectivos da asociación son “promover e establecer a normalización de métodos e ferramentas proporcionando un marco de innovación único para o desenvolvemento e uso da tecnoloxía blockchain/DLT, xa que se dota dun modelo xurídico-económico apropiado que nun futuro vindeiro permitirá a xeración de beneficios e impacto na sociedade”.
O enfoque estratéxico de Alastria baséase na metodoloxía da espiral virtuosa da innovación, medrando coa colaboración do sector privado (grandes e medianas empresas e startups), as administracións públicas e o mundo académico, o que denominan desde Alastria “as tres hélices” para xerar e compartir valor. Neste senso, Alastria agrega unha cuarta hélice para a interacción dos cidadáns, que son, nas súas palabras, o “verdadeiro motor do cambio para que a economía dixital ofreza o máximo de beneficios á sociedade”.
Grazas á metodoloxía de innovación propia, os socios de Alastria utilizan a tecnoloxía de forma compartida para competir nun futuro inmediato con novos modelos económicos, explica o CPEIG.

PUBLICIDADE