Henge Docks anuncia bases para os portátiles MacBook Air

martes, 10 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

O fabricante de bases para portátiles de Apple, Henge Docks, vén de anunciar no CES de Las Vegas novas dock stations para os últimos portátiles MacBook Air de 11 e 13 polgadas, de xeito que facilitan a súa colocación en vertical para convertelos en equipos de escritorio (aforrando bastante espazo), podendo conectalos de xeito doado a un monitor externo, así como a outros dispositivos (coma teclados ou ratos) integrando na propia base os portos mini DisplayPort e USB que replicaría do portátil colocado en vertical, facendo cómodo o seu uso (xa que pasarían a estar nun lateral da base). A base para o portátil con pantalla de 11 polgadas pode reservarse por 55 dólares, mentres que para o equipo de 13 polgadas o seu prezo quedarían en 60 dólares.
Este atractivo accesorio permite, por exemplo, ter sempre conectado un monitor e un teclado á base Dock Air de Henge Docks, de xeito que chegaría con inserir na mesma un MacBook Air para comezar a traballar co equipo coma se fose un ordenador de sobremesa. Unha cómoda solución para usuarios que queiran utilizar de xeito máis cómodo o seu portátil no fogar ou na oficina, sen ter que enlear con máis cables que o de alimentación.

PUBLICIDADE