Halo Infinite chegará acompañado por distinto hardware

mércores, 25 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Dende Microsoft quixeron aproveitar a celebración da Gamescom para dar conta de novidades ao redor dun dos seus grandes lanzamentos deste ano, o agardado Halo Infinite, do que por fin desvelouse que verá a luz o 8 de decembro, pero que finalmente non será o único produto da franquía nos vindeiros meses, xa que anunciaron que conmemorando o 20º aniversario de Halo o 15 de novembro porán á venda dous produtos de edición limitada: unha consola Xbox Series X e un mando Elite Series 2.
Dado que a Xbox Series X é un produto moi complicado de conseguir pola falta de existencias nas tendas, podemos entender que o lote de edición limitada cunha Xbox Series X cunha estética inspirada en Halo Infinite ao igual que o seu mando, e o xogo Halo Infinite incluído, será todo un obxecto de desexo pese ao seu prezo de 549,99 euros.
Para os xogadores máis esixentes tamén estará dispoñible por 199,99 euros un mando sen fíos Xbox Elite Series 2 de Halo Infinite, que coa súa estética inspirada na armadura do Xefe Mestre e as numerosas opcións de personalización que ofrecen os mandos Elite será un produto bastante desexado, para o que é posible efectuar actualmente a reserva, polo que non debería de ser difícil de conseguir (probablemente polo disuasorio que resulta o seu prezo).
Na mesma liña do mando Elite, haberá outros produtos que chegarán cunha estética inspirada na armadura do Xefe Mestre, como uns auriculares Razer Kaira Pro e discos duros externos de Seagate de até 5 TB de capacidade.

Vídeo promocional da Xbox Series X inspirada en Halo Infinite

Vídeo de presentación do mando Elite Series 2 para Xbox inspirado en Halo Infinite

PUBLICIDADE