Hackers reunidos en Malaisia advirten sobre a vulnerabilidade do Bluetooth, os CCTV e até os pasaportes

martes, 25 de setembro do 2007 Matías Olazabal

Nalgún intre do desenvolvemento da tecnoloxía da información, os hackers transformáronse en expertos de seguridade na Rede, e, lonxe das noites de auténticos zombis engulindo comida rápida e compartindo moitas horas perante os ordenadores, agora algúns deles son os verdadeiros posuidores da verdade en temas de seguridade. E isto pódese ver estes días en Malaisia, onde se está a desenvolver o congreso Hack in the box, que reúne a expertos da seguridade de todo o mundo. De feito, nesta conferencia comparten puntos de vista persoas que se atopan as dúas beiras do espectro, policía e ladrón en alianza, por así dicilo.

A partir desta curiosa alianza, e segundo o publicado nun artigo da BBC, púidose chegar a algunhas conclusións importantes das que as compañías están a tomar debida nota. En primeiro lugar: os GPS, o Bluetooth e os circuítos pechados de televisión (CCTV) son inseguros abondo, e, polo visto, máis do que pensamos. Pero os perigos non rematan aí: a hiperactiva elite de piratas informáticos conta entre as súas liñas cun home capaz de facer mofa do máis alto grao de seguridade nacional, os pasaportes.

Imos por partes. Primeiro aclaremos o que acontece co Bluetooth. O dispositivo máis usado na actualidade para comunicármonos a través dos móbiles é vulnerable e segundo o explicado por Dino Covotsos, alto directivo da compañía surafricana Telspace Systems, os fabricantes de terminais coñecen de sobra esta carencia. Polo visto, cada vez que recibimos un arquivo mediante este sistema de intercambio de datos sen fíos, os datos dos nosos teléfonos fican desprotexidos fronte ao emisor en cuestión. O mesmo ocorre cos smartphones, PDAs e reprodutores multimedia que conten con esa posibilidade.

Porén, os problemas non rematan aí, os sistemas de vixilancia por cámaras de seguridade, que no seu intre foron denominados “de circuíto pechado”, agora son de circuíto semiaberto, xa que se pode acceder a eles de xeito remoto polas forzas de seguridade, que se valen das imaxes das mesmas para levar a cabo as súas tarefas, ó igual cós hackers. Este tipo de tecnoloxía tamén é usado por outras moitas empresas, por exemplo as dos servizos de luz, as plantas nucleares, e até os hospitais. Bin Laden debe estar a fregar unha man contra a outra.

Outro dos perigos vén vía GPS, sistema que até o de agora non ten servidores seguros ou formas de comprobar a veracidade da información. De feito, xa foron denunciados algúns piratas do asfalto que desviaron mediante esta metodoloxía camións que logo foron secuestrados. Porén, a palma ten que ir para Jan Krissler, quen vén de estragar o último en tecnoloxía para a identificación de persoas, e atopou a maneira de burlar os microchips dos pasaportes. “Pódense descodificar as pegadas dactilares biométricas dos pasaportes e facer copias falsas das mesmas” dixo este hacker, quen se fai chamar Starbug. Seguramente os nosos dobres axentes terán máis que dicir nas vindeiras edicións do congreso. Pasen e vexan…

PUBLICIDADE