HTC presenta dos novos smartphones da familia Desire

martes, 3 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Tras a boa acollida do HTC One X, o fabricante taiwanés leva o seu deseño á familia de gama media Desire, de xeito que hoxe anuncia o HTC Desire 601, un atractivo smartphone 4G con grande potencia multimedia, que achegará moitas das vantaxes da alta gama de HTC a un público máis amplo. O novo smartphone funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 400 de dobre núcleo a 1,4 GHz, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb), pantalla de 4,5 polgadas (cunha resolución de 960 x 540 píxeles), cámaras de 5 e 0,3 Mpíxeles, HTC BoomSound, 2 altofalantes frontais estéreo amplificados, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, batería de 2.100 mAh, un grosor de 9,88 milímetros e un peso de 130 gramos.
Pero este terminal con Android e HTC Sense 5 non é a única novidade nesta liña, senón que tamén conta cun irmán cativo, o HTC Desire 300, que funcionaría cun procesador Quallcomm Snapdragon S4 de dobre núcleos a 1 GHz, 512 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 64 Gb), pantalla de 4,3 polgadas, cámaras de 5 e 0,3 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, batería de 1.650 mAh, un grosor de 10,12 milímetros e un peso de 120 gramos, que claramente busca manter a mesma estética recortando prestacións para conseguir un prezo aínda máis baixo.
O HTC Desire 601 comezará a distribuírse en setembro, mentres que polo HTC Desire 300 deberemos agardar ao mes de outubro para velo á venda.

PUBLICIDADE