HTC comercializará unha versión do seu Desire V con dobre SIM

venres, 8 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Nos mercados emerxentes é posible atopar multitude de móbiles de baixa gama preparados para funcionar con 2 ou incluso 3 tarxetas SIM á vez, pero dificilmente é posible un terminal de gama media con tal prestación, de aí que deramos conta hai uns días do Samsung Galaxy Ace DUOS, polo que hoxe sorpréndenos aínda máis que HTC vaia comercializar inicialmente en Ucraína no mes de xullo (para chegar logo ao resto do continente) un terminal Desire V con dobre SIM, que custará 3.800 grivnas (376,05 euros).
Este terminal posiblemente sería o mellor móbil con dobre SIM do mercado, pois funciona con Android 4.0 con HTC Sense 4, procesador a 1 GHz, 512 Gb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno, 25 Gb de almacenamento en liña, pantalla de 4 polgadas cunhas resolución de 480 x 800 píxeles, cámara de 5 Mpíxeles con enfoque automático e flash LED, Beats Audio, radio FM, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, GPS, micro USB, unhas medidas de 118,5 x 62,3 x 9,3 milímetros e un peso de 114 gramos. Unha combinación de prestacións que para moitos converterase nun escuro obxecto de desexo por poder combinar o uso de 2 dúas tarxetas SIM nun único móbil (aínda que habería que precisar que a tarxeta SIM secundaria só funcionaría como tarxeta de voz, de xeito que a conectividade de datos colgaría da tarxeta principal).

PUBLICIDADE