HP presenta un novo portátil para gamers que permite overclocking

martes, 22 de agosto do 2017 Marcus Fernández

No marco da Gamescom de Colonia HP presentou o seu ordenador portátil para xogadores máis potente até o momento, o novo HP Omen X, que sairá á venda este mesmo ano a un prezo que nos EE.UU. parte dos 1.999 dólares, polo que non será precisamente económico.
Este impresionante portátil con Windows 10 estará dispoñible en distintas configuracións, sendo capaz e mover sistemas de realidade virtual sen problema e permitindo realizar overclocking, buscando así cubrir as elevadas esixencias dos gamers que queren gozar de xogos con máximo nivel de detalle. Como curiosidade, o equipo estará dispoñible cunha pantalla de 17 polgadas con resolución 4K ou cunha pantalla Full HD cunha velocidade de 120 Hz, ou sexa, que o usuario poderá decidir se prefire moitos detalles ou unhas animacións máis fluídas, pero sempre cun nivel moi superior ao que estamos afeitos en equipos portátiles.
O portátil HP Omen X poderá equipare con procesadores Intel Core i7 de sétima xeración, memoria DDR4-2800 overclockeable, gráficas overclockeadas de fabrica até unha nVIDIA GeForce GTX 1080, distintas opcións de almacenamento (dende un disco duro de 1 TB até unha rápida unidade SSD) e, como grande sinal de identidade, teremos un equipo que será doado de actualizar, de xeito que un panel facilitará o acceso ás unidades de disco e á memoria RAM, para que o usuario poida ampliar as prestacións do equipo para alongar a súa vida.
Este impresionante portátil incorporará 3 portos USB 3.0 tipo A, 2 portos USB 3.1 tipo C (Thunderbolt 3), saída HDMI 2.0 con soporte de HDR, mini DisplayPort, RJ45, lector de tarxetas de memoria e tomas independentes para micrófono e auriculares.

PUBLICIDADE