HP presenta novos auriculares refrixerados

martes, 20 de agosto do 2019 Marcus Fernández

HP aproveitou a celebración da Gamescom de Colonia para anunciar novo hardware destinado aos xogadores de PC, entre o que podemos destacar os auriculares OMEN Mindframe Prime, que non só achegan un son envolvente 7.1 para conseguir unha grande inmersión nos xogos e empregan un dous micrófonos para a cancelación de ruído (facendo que elementos ruidosos como as pulsacións nun teclado mecánico non molesten nas comunicacións faladas durante partidas en liña), senón que tamén conta coa tecnoloxía FrostCap (apoiada por novas almofadas de refrixeración pasiva), que arrefría os auriculares para reducir a calor de empregar cascos durante longas xornadas de xogo.
Estes auriculares con micrófono tamén contan con comodidades como silenciar o micrófono con só xiralo cara arriba, teñen iluminación LED controlada por software, contan con control de volume e permiten unha ampla configuración da súa ecualización (con 10 bandas e até 12 configuracións predefinidas).
Os auriculares OMEN Mindframe Prime chegarán ás tendas este mesmo mes a un prezo de 200 euros, collendo o relevo dos auriculares OMEN Mindframe, os primeiros do mercado en integrar a tecnoloxía de refrixeración FrostCap, e que poden conseguirse por 135 euros.

PUBLICIDADE