HP presenta equipos táctiles con pantallas inclinables

luns, 7 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Conscientes de que a verticalidade dos monitores de ordenador son un importante atranco para o seu uso como pantallas táctiles (pois resulta moi canso manter os brazos en alto para o seu uso) dende HP presentan os ordenadores todo-en-un HP TouchSmart 9300 e 610, que contan con pantallas táctiles de 23 polgadas cunha base que permite inclinalas 60 graos e xiralas 180 graos, de xeito que resulta bastante cómodo o seu uso coma se fosen tablets.
A pantalla destes equipos é de alta definición (1.080p) e con retroiluminación LED, de xeito que estamos ante excelentes equipos a nivel técnico, con procesador Intel Core i3, 4 Gb de RAM, 750 Gb de disco duro e tarxeta gráfica integrada no seu modelo máis básico sendo posible configuralo ata cun procesador Intel Core i5, 16 Gb de RAM, unidade SSD de 160 Gb, Blu-ray e cámara de 1,3 Mpíxeles.
O HP TouchSmart 610 chega este mércores ás tendas norteamericanas a un prezo de partida de 899,99 dólares (662,39 euros), mentres que o HP TouchSmart 9300, orientado para o uso corporativo, chegará ao mercado en maio a un prezo por determinar.

O HP TouchSmart 9300 Elite tamén pode empregarse coma un todo-en-un ordinario de non inclinarse a súa pantalla táctil

PUBLICIDADE