HP integrará un tablet con Android na súa nova impresora Photosmart eStation C510

mércores, 8 de setembro do 2010 Marcus Fernández

A primeiros de agosto falábase da posibilidade de que HP estivese a preparar unha impresora (Zeuz) que incluiría unha pantalla que podería extraerse para utilizarse coma tablet (Zeen) que finalmente parece que venderanse baixo a denominación de HP Photosmart eStation C510.
Pese a que HP non pareza estar a dar moita publicidade sobre o detalle, o tablet desta impresora funcionaría co sistema operativo Android 2.1 cunha interface de uso TouchSmart e sen acceso ao Android Market, pero ao que non lle faltan aplicacións para facilitar a impresión de imaxes de Facebook, Yahoo ou Snapfish ou para acceder á tenda de e-books de Barnes & Noble.
Esta interesante impresora de HP sairá á venda a finais de mes, e dá a impresión de que HP optou por vendela con Android para non demorar a súa comercialización ata ter dispoñible unha nova versión do sistema operativo webOS coas mesmas funcionalidades, pero que podería servir de adianto do que HP buscará conseguir en futuras impresoras.

PUBLICIDADE