HP estrea un tablet económico de 7,85 polgadas

venres, 7 de marzo do 2014 Marcus Fernández

HP aínda ten unha tímida presenza no sector dos tablets, e parece ter atopado unha oportunidade entre a súa gama económica, pois vén de incorporar no seu catálogo o HP 8, un tablet con Android 4.1 e pantalla IPS de 7,85 polgadas cunha resolución de 1.024 x 768 píxeles, que está á venda por 169,99 dólares (122,59 euros). Este dispositivo busca achegar un funcionamento fluído grazas ao seu procesador Allwinner A31 ARM Cortex A7 de catro núcleos e 1 Gb de RAM, combinando tal potencia pola portabilidade achegada polo seu tamaño e pola súa batería de 3.800 mAh que permite unha autonomía de ata 7 horas.
O tablet está equipado con Wi-Fi N con Miracast (para facilitar levar os contidos multimedia aos televisores conectados), cámaras de 2 e 0,3 Mpíxeles e un almacenamento interno de 16 Gb que pode completarse con tarxetas microSD de ata 32 Gb e con 25 Gb de almacenamento no nube (no servizo Box).
Entre as vantaxes que poden resultar decisivas para optar por este tablet atopamos que HP o dota do paquete Kingsoft Office, con tecnoloxía de sincronización fotográfica de Snapfish e HP ePrint (para poder imprimir practicamente dende calquera lugar onde estea dispoñible o acceso á Rede).

PUBLICIDADE