HMD lanza un par de teléfonos do Barça

xoves, 24 de abril do 2025 Marcus Fernández

Human Mobile Devices (HMD), fabricante que anteriormente era responsable dos poucos smartphones que quedaban no mercado coa marca Nokia, é socio oficial de telefonía móbil do FC Barcelona, e no marco deste convenio de colaboración veñen de lanzar un par de teléfonos móbiles ao mercado. Trátase do HMD Barça 3210 e do HMD Barça Fusion, dous dispositivos que que xa están á venda en edicións limitadas.
O HMD Barça 3210 é unha reinterpretación moderna do clásico Nokia 3210.,Este móbil aposta pola sinxeleza, a resistencia e unha estética ligada ao universo culé. Entre as súas características destacan os 12 fondos de pantalla exclusivos do club, unha versión especial do clásico xogo da serpe con temática futbolística e saúdos de audio gravados por xogadores como Lewandowski, Gavi ou Fermín.
O dispositivo tamén inclúe unha cámara de 2 Mpíxeles con flash e lanterna, protección contra salpicaduras (IP54) e unha batería de longa duración, pensada para acompañar os afeccionados durante as longas xornadas de partido. Está dispoñible en dúas cores emblemáticas do Barça: granate e azul escuro, ambas co escudo prateado do club na parte traseira, e cun prezo de 99,99 euros.
Pola súa banda, o HMD Barça Fusion preséntase como unha edición para coleccionistas. O seu deseño está gravado coas sinaturas de 11 xogadores do primeiro equipo masculino e incorpora un sistema que permite que brille na escuridade cando se expoñen os seus acabados á luz ultravioleta. Tamén inclúe imaxes do club, sons temáticos e saúdos dos xogadores.
Este modelo conta cunha cámara dual de 108 Mpíxeles, unha cámara frontal de 50 Mpíxeles con funcións como a captura lenta ou o control por xestos, conectividade 5G e un modo detox con opcións de desconexión dixital. Ademais, permite cambiar o seu funcionamento grazas aos denominados Smart Outfits, carcasas intercambiables que modifican as funcionalidades segundo o uso (modo partido, selfie ou resistente, entre outros). Está á venda unicamente en cor negra a un prezo de 349,99 euros.
Esta liña de produtos é bastante rechamante polo feito de tentar utilizar a imaxe dun club de fútbol para vender dispositivos electrónicos que poden personalizarse mediante carcasas ou mudando a súa configuración, sen ter que adquirir un trebello novo que, por outra banda, baixo ningún concepto sería empregado polos xogadores do club, xa que falamos de dispositivos de gama baixa. De feito, o HMD Barça Fusion é un dispositivo cun prezo moi difícil de xustificar, xa que a versión sen personalizar custa 100 euros menos, e podemos atopar no mercado móbiles moi semellantes en prestacións por preto de 200 euros menos. En contraste, o HMD Barça 3210 ten un incremento de prezo fronte ao Nokia 3210 de só 20 euros, colocándose na liña de produtos como o HMD Barbie Phone.

HMD leva meses presumindo da súa asociación co FC Barcelona