HBO estrea aplicación para Smart TV de Samsung

xoves, 6 de xullo do 2017 Marcus Fernández

A estrea española de HBO como plataforma de vídeo baixo demanda foi unha grande frustración para moitos consumidores que vían como lles resultaba imposible gozar dos contidos dun xeito doado no seu televisor, xa que o único xeito de facer tal era conectando o ordenador ao televisor, empregando un Chromecast ou mediante un Apple TV, deixando fóra da ecuación aos Smart TV e ás consolas de videoxogos, que son a opción preferida por moitos usuarios de servizos competidores como Netflix.
Agora que faltan poucos días para a estrea da nova tempada de Game of Thrones, serie que levará a moitos usuarios a probar HBO España, era preciso facer algún achegamento ao público, o que polo momento tradúcese na estrea da aplicación para os Smart TV de Samsung, compañía que polo momento ten a exclusiva en televisores para o acceso ao servizo audiovisual de xeito nativo.
Dende Samsung aseguran que a aplicación de HBO España estará dispoñible para todos os televisores conectados da compañía lanzados dende 2012, facilitando así un acceso directo a unha oferta de máis de 4.000 capítulos de series de televisión e unha boa selección de películas.
Pese a este avance, HBO España continúa a ter como materias pendentes o lanzamento de aplicacións nativas para outras marcas de Smart TV (como LG), para Android TV e para consolas PS4 e Xbox One.

PUBLICIDADE