HBO Max chega a España

martes, 26 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Finalmente chegou o servizo de vídeo baixo demanda HBO Max a España, de xeito que WarnerMedia xa ten unha plataforma dende a que ofrecer directamente os seus contidos para o territorio español, con producións como Harry Potter, Friends, Matrix, Game of Thrones e Los Soprano, o que para os consumidores está a vivirse como unha simple renovación do servizo de HBO ordinario, que muda de aplicación (algo que agradecerán a meirande parte dos usuarios, xa que a aplicación anterior era o principal punto feble da plataforma) e promete recibir máis contidos.
Entre os contidos novos que recibirá HBO Max non só temos novos lanzamentos da Warner, senón que tamén confírmase a aposta da plataforma por creacións españolas como Venga Juan e Todo lo otro. Tamén está previsto que a partir de 2022 as películas de cine de Warner Bros. cheguen a HBO Max sen custo adicional 45 días despois da estrea en pantalla grande.
A migración dende HBO a HBO Max na parte do usuario só precisa da introdución das credenciais no novo servizo, aínda que na operación pérdese a configuración anterior e o historial, ou sexa, que a listaxe de películas e series favoritas está baleira (de aí que dende HBO recomendasen nos últimos días facer copia da mesma mediante capturas de pantalla) e os contidos figuran todos como non vistos, o que pode resultar bastante incómodo para retomar series de televisión.
No momento de escribir estas liñas a migración de contidos figura incompleta, de xeito que en varias series en curso faltan os últimos episodios. A falta de confirmación pola compañía, os televisores de LG con webOS 3.x perderían o servizo de HBO nesta migración, xa que a nova aplicación de HBO Max só está dispoñible para webOS 4.0 ou posterior, ou sexa, só para modelos lanzados hai menos de 3 anos.

A nova aplicación de HBO Max xa pode descargarse en dispositivos móbiles

PUBLICIDADE