Guitar Rock Tour nos permite tocar a guitarra e a batería no iPhone

luns, 24 de novembro do 2008 Marcus Fernández

O xogo é realmente semellante ao Guitar Hero World Tour

Ao Tap Tap Revolution para o iPhone vén de saírlle un serio competidor, pois á tenda de aplicacións de Apple se incorporou este mes o xogo Guitar Rock Tour, que sen ser un Guitar Hero ou un Rock Band, coincide con estes títulos en incluír no seu repertorio musical cancións famosas coma Beat It, In the Shadows, Girlfriend, Message in a Bottle, Smoke on the Water ou You Really Got Me, así como poder interpretar non só a guitarra, senón tamén a batería, polo que case sería un Guitar Hero World Tour de peto.
Este xogo conta con 3 niveis de dificultade, podendo xogarse en modo de partida rápida ou xira (coma nos xogos musicais de consola) e o seu prezo é de 5,99 euros, o que é bastante reducido se consideramos que inclúe 17 temas musicais coñecidos nos 148 Mbytes que ocupa.

PUBLICIDADE