Guitar Hero III convértese no primeiro videoxogo en superar os 1.000 millóns de dólares

luns, 12 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

A ninguén se lle escapa que o éxito dos xogos tipo Guitar Hero no tiña precedentes, non só porque promoven a compra de caros periféricos, senón porque disparan as vendas de temas musicais descargables dando lugar a un lucrativo negocio do que Mike Griffith, de Activision, deu algunhas cifras durante o CES de Las Vegas, anunciando publicamente que Guitar Hero III: Legends of Rock se converteu no primeiro xogo da historia en superar os 1.000 millóns de dólares en vendas dende o seu lanzamento no outono de 2007.
Griffith asegura isto con datos achegados pola consultora Nielsen, e tamén comenta que as descargas musicais para Guitar Hero superan actualmente os 21 millóns, o que tamén está a favorecer á industria musical. Un exemplo deste éxito é o xogo Guitar Hero: Aerosmith, que na súa primeira semana á venda triplicou as vendas do anterior álbum da formación musical norteamericana.
Dende as tendas de instrumentos musicais tamén aseguran que as vendas de guitarras eléctricas e amplificadores por parte de usuarios novatos tamén se incrementou grazas a este tipo de xogos.
Curiosamente nesta época na que o cine, o DVD, os CD, os libros, as revistas e os xornais están estancados (e mesmo en descenso) a industria dos videoxogos medrou un 40% en 3 anos, e cada vez se nota máis a pegada desta industria no resto.

PUBLICIDADE