Guitar Hero 5 incluirá novos modos de xogo

luns, 18 de maio do 2009 Marcus Fernández

A franquía de Guitar Hero quere continuar a liderar as vendas e non quedar atrás en innovación, polo que xa anuncian detalles para o Guitar Hero 5 que chegará no verán para Xbox 360, PlayStation 3, PS2 e Wii, e que por primeira vez permitirá cambiar a composición dos grupos que formemos cos nosos amigos, non só no tocante á súa aparencia, senón tamén na selección de instrumentos que utilicen, de xeito que será posible facer case calquera combinación de guitarras, baixos baterías e cantantes. Será así posible contar cunha formación con 3 guitarras e un cantante, con 2 baterías e un baixo… o que pode parecer unha tolería, pero permitirá que a xente goce ao tocar sempre que queira o seu instrumento favorito.
Guitar Hero 5 contará con 2 novos modos de xogo: Party Play (no que os xogadores poden cambiar de modo de xogo, dificultade e canción dun xeito moito máis rápido que os actuais) e Rock Fest (que presente distintos modos de enfrontamento cara a cara tanto en liña coma en modo local).
O xogo tamén carecerá de temas desbloqueables, de xeito que dende o primeiro momento poderemos interpretar calquera tema en Partida Rápida, o que agradecerán os usuarios que teñan máis títulos da saga, e que non se verán forzados a rematar un xogo máis para poder gozar dos seus temas preferidos.
No tocante ao repertorio, están confirmados os temas Sympathy for the Devil dos Rolling Stones, All Along Teh Watchtower de Bob Dylan, Blue Orchid dos White Stripes, No One To Depend On de Santana, Runnin Down a Dream de Tom Petty, Ring of Fire de Johnny Cash e Sex on Fire de Kings of Leon.

PUBLICIDADE