Grim Fandango Remastered estrea versión móbil

mércores, 6 de maio do 2015 Marcus Fernández

O clásico de LucasArts editado en 1998, Grim Fandango, é unha das aventuras gráficas máis recoñecidas de Tim Schafer, que este ano estreou versión remasterizada para Windows, OS X e Linux, facilitando así tanto lembrar este título como achegalo a novas xeracións, e continuando coa resurreccións desta historia de Manny Calavera a través da Terra dos Mortos temos que por fin conta con versión para iOS na App Store e para Android en Google Play, á venda por 9,99 e 11,12 euros respectivamente (cómpre destacar que o prezo para iOS é unha oferta de lanzamento que durará só unha semana), que fai posible gozar deste grande videoxogo en mobilidade.
Pese a que estamos ante unha versión móbil dun xogo de PC, ao ser un xogo tan vello, en vez de reducirse as súas prestacións tivo que facerse xusto o contrario, ou sexa, que o que temos en smartphones e tabletas é Grim Fandango Remastered, con gráficos e son mellorados, así como con características adicionais (como a posibilidade de gozar de comentarios do director).
Para celebrar o lanzamento das versións móbiles do xogo, a versión para PC, OS X e Linux en Steam tamén está de ofertarse a un prezo de 10,04 euros (ou sexa, cun 33% de desconto). Os usuarios de PlayStation 4 ou PS Vita que teñan PlayStation Plus tamén poderán gozar dun 30% de desconto no xogo.

PUBLICIDADE