Grande afluencia de público na apertura da primeira tenda de Xiaomi en Galicia

luns, 10 de setembro do 2018 Marcus Fernández

A semana pasada adiantamos que Xiaomi preparaba a apertura da súa primeira tenda oficial en Galicia, de xeito que a cidade da Coruña sería a elixida para desembarcar despois de pasar por localidades como Madrid, Barcelona, Valencia ou Granada; e aínda que para celebrar a apertura a compañía chinesa ofrecía agasallos e realizaba sorteos, non parece que iso fose preciso para conseguir captar a atención do público, xa que a marca conseguiu unha grandísima aceptación no territorio español, no que está a medrar a un ritmo meteórico, ameazando incluso a xigantes como Huawei.
A apertura de portas da nova tenda en Marineda City tivo lugar ás 11:00 horas, e como sorpresa para moitos, a ringleira de xente agardando para entrar chegaba até fora do edificio, chegando incluso a ser máis longa no exterior que no interior, pois non eran poucos os que, ao saber a primeiros do verán que Xiaomi chegaría a Galicia, adiaron as súas compras para poder estrear a tenda.
Tamén cómpre lembrar que, aínda Xiaomi conte con distribución oficial en Alcampo, Carrerour, Media Markt, Worten, El Corte Inglés, Fnac, Amazon.es, AliExpress e PC Componentes, non sempre é doado atopar existencias dos trebellos máis populares, de aí que interesados en facerse co Poco F1, cun Mi 8 ou con móbiles máis económicos como o Mi A2 Lite, optasen por achegarse á nova Mi Store Marineda para facerse co seu novo smartphone.
Pero os centos de visitantes do novo establecemento de electrónica de consumo non só podían facerse con smartphones e, de feito, moitos acudían para mercar pulseiras de actividade, o célebre patinete eléctrico da compañía, auriculares, altofalantes, baterías externas, ordenadores portátiles, ratos informáticos... e incluso produtos que moita xente non asociaría coa marca chinesa, como básculas electrónicas, mochilas, cepillos de dentes eléctricos, paraugas automáticos e incluso unha xerra para quentar líquidos, o que é unha boa mostra do aproveitamento dunha marca para vender produtos de calquera tipo.
A apertura fíxose notar nas redes sociais, xa que Xiaomi convidaba a compartir co cancelo #XiaomiACoruña fotografías posando con algunha das figuras da mascota da marca que amenizaban o centro comercial, realizando sorteos entre os compradores que fixeran tal.
Tamén hai promocións até o día 15 con distintos móbiles (como o Redmi Note 5 e o Redmi S2) que teñen descontos especiais, co que pretenden que máis consumidores se acheguen ao longo da semana ao novo establecemento coruñés, que podería converterse en todo un referente para os milleiros de seareiros de Xiaomi que hai na nosa comunidade.

O Mi Bunny, mascota de Xiaomi, animaba a inauguración da Mi Store Marineda
Aínda que moitos asocien a marca Xiaomi con prezos baratos, tamén conta no seu catálogo con móbiles de alta gama que teñen boa aceptación entre o público polo seu bo deseño e as súas grandes prestacións
As pulseiras de actividade son dos produtos de máis éxito da compañía chinesa
Poder ver en persoa os produtos de Xiaomi é un dos puntos fortes da nova tenda
Xiaomi non se limita a produtos propios de calquera selo tecnolóxico, senón que tamén comercializa trebellos tan curiosos como un cepillo eléctrico que pode comunicarse co smartphone
Na inauguración non faltaban algúns dos smartphones estrela da marca, dos que non é frecuente atopar existencias noutras tendas físicas por mor da súa elevada demanda

PUBLICIDADE