Gradiant participou arreo no simposio sobre protección da privacidade celebrado en Amsterdam

mércores, 17 de setembro do 2014 Redacción

A investigadora e enxeñeira de Gradiant, Carmela TroncosoO Simposio sobre Tecnoloxías da Protección da Privacidade, PETS, celebrado as semanas pasadas en Amsterdam, contou con presenza galega. Máis polo miúdo a presenza da enxeñeira Carmela Troncoso, do centro tecnolóxico Gradiant, que acudiu para amosar os traballos despregados polo centro galego en materia de simulación de tráfico e transporte de persoas e mercadorías. Lembrar que PETS é un encontro internacional, de primeira liña, que xira arredor das tecnoloxías e a protección da privacidade.
Este ano acolleu dous días de relatorios, incluíndo intervencións de Martin Ortlieb, investigador de experiencia de usuario de Google, Susan Landau, profesora de política de seguridade cibernética no Worcester Polytechnic Institute, ou Wendy Seltzer, asesora de políticas no World Wide Web Consortium (W3C).
Volvendo á contribución de Gradiant, dicir que o centro tecnolóxico galego presentou o relatorio Compensan os dummies? Límites de protección do tráfico dummie nas comunicacións anónimas. O artigo veu da man da profesora Troncoso, Fernando Pérez-González (ex-director xeral de Gradiant), e Simón Oya, estudante da Universidade de Vigo co-asesorado polos profesores Troncoso e Pérez González. O traballo, informa Gradiant, avalía a efectividade de tráfico simulado (paquetes falsos enviados a través da rede) no intre de ocultar os contactos preferidos dos usuarios cando as interaccións ocorren a través dunha canle de comunicación anónima. No terceiro día, a investigadora Carmela Troncoso participou activamente no taller HotPETs, sendo parte do comité que selecciona os relatorios presentados no obradoiro, e presidiu a sesión dedicada ás comunicacións anónimas. Sinalar que HotPETs é unha actividade que posibilita aos investigadores amosar traballos en desenvolvemento e demostracións ligadas a solucións de privacidade, e todo nun formato de interacción co público en tempo real (o público pode enviar comentarios nas presentacións dos traballos).
Segundo engade Gradiant, a participación de Carmela Troncoso no evento celebrado en Holanda contou co apoio do proxecto LIFTGATE, do Sétimo Programa Marco da Unión Europea.

PUBLICIDADE